| Edificio de servizos |

Noia | 2008/09

O encargo do Concello de Noia era preciso: rehabilitación integral pero flexible de tódolos andares superiores do vello edificio da EDAF, no Curro. O encargo era preciso pero escondía unha complicación ou limitación imprevista: o andar terreo da construcción estaba ocupado na súa totalidade con postos e dependencias da anexa Praza de Abastos, o cal limitaba o alcance do proxecto e impedía, entre outras cousas, derrubar o primeiro tramo da escaleira. E isto implicaba unha consecuencia definitiva: impedía dispoñer un ascensor e restrinxía seriamente o alcance do proxecto.

Polo mesmo, proxectamos dúas solucións: unha para o presente –o posible e viable-; outra para o futuro –o desexable ou óptimo-. Ou noutras palabras, unha sen ascensor e outra con el. En fin, que no futuro, cando quede libre o andar terreo, poderase situar o ascensor con só cortar un dos tramos da nosa escaleira metálica.

Polo demais, o inmoble, dos anos corenta do pasado século, presentaba unha estructura moi confusa, de muros de carga e forxados de formigón, que dificultaba a disposición de espacios diáfanos en plantas libres de particións. Fíxose necesario, polo tanto, a colocación de reforzos puntuais, co gallo de ampliar as estancias e liberalas de obstáculos, na crenza de que espacios abertos e flexibles responderían mellor ás esixencias cambiantes dun uso tan amplo e impreciso como o de “Edificio de Servizos”.

En último termo, ou máis propiamente, no último andar, dispoñemos un sobrado de vidro para reunións. Asemade, o proxecto contempla tamén distintas posibilidades de subdivisión, segundo as necesidades e as circunstancias. En fin, un traballo interesante.

  • Arquitectos redactores
    Alfonso Salgado, Francisco Liñares
  • Dirección da obra
    Alfonso Salgado, Francisco Liñares, Santiago Rey
  • Director de execución
    Santiago Rey
  • Promotor
    Concello de Noia
  • Arquitecto colaborador
    Santiago Rey
  • Estructuras
    Manuel Liñares
  • Instalacións
    Manuel Liñares, Miguel Raposo
  • Debuxo
    Santiago Rey, Sergio Alcalde
  • Fotografías
    Salgado e Liñares
  • Empresa constructora
    Construcciones CES, S.L.