| A Pedrachán |

Noia | 2007/09

Reintegración urbana do patrimonio cultural da Pedrachán

Finalista Gran Premio ENOR | 2011

Premio Manuel Gómez Román de Intervención no Patrimonio | 2011

Unha nena almorza mentres observa como a londra se mergulla. Está na casa da súa avoa...

A Pedrachán parece, a primeira vista, nunha situación incómoda, periférica..., pero é una falsa impresión. Esta condición, literalmente abeirada e de costas ao núcleo, ofrece, se prestamos a debida atención, evidentes vantaxes e mínimos inconvenientes. Máis alá destes últimos, trátase dunha condición singular, que cómpre respectar e aínda fortalecer, pois hai nela unha certa atmosfera que reconforta e sosega, coma de lugar máxico e fora do tempo.

Na vella disxuntiva entre Civilización e Cultura, na vella controversia entre o simple progreso material e o máis amplo e humano progreso espiritual, na longa problemática, en fin, entre a maquinaria pesada e as pequenas ferramentas, entre eses dous polos, a Pedrachán impón as súas propias condicións..., e decántase: na Pedrachán hai que “ ir e facer a modo”.

O Estudio antropolóxico da etnógrafa Ana Filgueiras fai de “fío conductor” da proposta, e as premisas de partida están claras: en primeiro termo, o ambiente, que está dado e que non debe violentarse; en segundo, a “adecuación” as condicións do lugar, por ver de ser franco e humilde, por ver, en definitiva, que despois do noso paso á Pedrachán non se lle quede “cara de domingo”.

Estas intencións, estes obxectivos, resúmense na elaboración dun diagnóstico a partires de tres pautas ou regras de conducta, de tres eslavóns dunha cadea con principio e fin, con dirección e sentido: Valorar, Escolmar, Reactivar .

De ser así, de seguir estes pasos e neste orden, evitamos –máis un desexo que unha certeza- o mais evidente risco deste tipo de intervencións: evitamos embalsamar e acartonar, evitamos o botox e a cirurxía plástica, evitamos o traxe incómodo e mal cortado dun día forzado de festa, evitamos, en definitiva, a banal e necia “cara de domingo”.

Na Pedrachán, unha nena almorza mentres observa como a londra se mergulla. Está na casa da súa avoa... Que belo lugar.

  • Arquitectos redactores
    Alfonso Salgado, Francisco Liñares
  • Dirección da obra
    Alfonso Salgado, Francisco Liñares, Santiago Rey
  • Director de execución
    Castor Campos
  • Promotores
    Concello de Noia
  • Arquitecto colaborador
    Santiago Rey
  • Estructuras
    Manuel Liñares
  • Instalacións
    Manuel Liñares, Miguel Raposo
  • Debuxo
    Santiago Rey, Sergio Sánchez
  • Fotografías
    Javier Ramos, Alfonso Salgado
  • Empresa constructora
    DICONSA Diseño Y Construcción, S.A.